Wednesday 15 de May de 2024

Comeza o programa de conciliación Verán Activo con estritos protocolos de seguridade


Establécense 5 grupos reducidos dun máximo de 8 nenas e nenos
O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha do programa de conciliación Verán Activo, que, nesta edición, incorpora estritos protocolos de seguridade e de prevención contra a COVID- 19. Así, establécense un total de 5 grupos reducidos dun mínimo de 6 e un máximo de 8 nenas e nenos que desenvolverán as actividades en espazos independentes. Cada grupo dispón dunha aula de referencia, baños e lavabos de uso exclusivo, que se atopan debidamente sinalizados.
Todo o equipo de monitores e monitoras superaron uns cursos de formación específica en materia de prevención da COVID-19. Ademais, están equipados coas súas correspondentes EPIS e contan cunha persoa responsable en base á COVID-19.
Esta primeira xornada centrouse nunha actividade informativa e de prevención, especificando os protocolos de protección que se deberán cumprir no desenvolvemento do programa de conciliación. Entre outras medidas establécese a prohibición de compartir alimentos, bebidas e outros materiais
entre os nenos e nenas, que contarán con espazos propios para depositar as súas pertenzas. Cada participante traerá o seu propio material (lapis, goma, ceras, rotuladores…) e recoméndase que tamén traian calcetíns de sola dura para actividades de interior, onde sempre deberán levar máscara e respectar
as distancias de seguridade.
Verán Activo é un programa de conciliación desenvolvido dende o Concello de Boqueixón co fin de cubrir o tempo de lecer da cativada durante os meses estivais. Manualidades, xogos e deporte centran as principais propostas dirixidas á cativada de entre 3 e 12 anos do municipio. O programa desenvólvese por quincenas e conta con 33 participantes nesta primeira.